viernes, 1 de junio de 2012

Entrevista con Paula Fernández Pena, alcaldesa de Silleda


Logo de entrevistar a unha moza que conseguiu un posto de traballo grazas á labor mediadora do Concello de Silleda, decidimos contactar coa máxima representante do municipio, a alcaldesa Paula Fernández Pena que nos ofreceu a súa visión sobre o tema central deste blogue; o desemprego xuvenil no rural.
Nun bloque de dez cuestión brindounos a posibilidade de ver como afronta a entidade local este profundo drama laboral.

Martiño. - Como observa vostede a situación actual en canto a desemprego xuvenil se refire en Silleda ?

Paula. - Dende o ano 2009 ata agora radicalizouse o tema do paro. Moita xente acode ao Concello desesperada a nivel laboral. Moitas parellas novas de orixes rurais e asentadas nos núcleos de Silleda e Bandeira, antes empregadas no textil e na construcción, caeron de cheo no desemprego. Co conseguinte revés socioeconómico que esto supón. Quedou bastante evidenciado o nivel altísimo de xente nova que acode a nós.


M. - A situación de desemprego, en Silleda, considera que é mellor ou peor que no contexto comarcal? E dentro do contexto galego?

P. - Tirando dos datos do INEM non é un bo dato. O desemprego en Silleda segue subindo, coñecendo 586 persoas dentro da Bolsa de Emprego. Aínda así, engadir que existe moito traballo sumerxido, coñecendo moitos casos que manteñen o subsidio de desemprego xunto co traballo sumerxido. Calquera cifra non é nada fiábel. Opino que se en realidade houbese 5 millóns de parados teríamos unha auténtica revolución social.

M. - Teño entrevistado a unha rapaza, a cal conseguiu traballo nunha empresa silledense grazas á mediación do concello, en que consiste este plan?

P. - En vista de que había elevadas cifras de paro e que os concellos non teñen capacidade para xerar emprego ocorriusenos a idea dunha bolsa de Emprego municipal. O empresario escolle o perfil entre os CV que o concello recolle e selecciona. O INEM non funciona desta forma, pois co plan do concello o empresario fai unha preselección. O que se consegue e que o empresariado teña no concello un conxunto de currículums pulidos.

M. - Cales foron os resultados da Bolsa Silleda Emprega ? Segue a funcionar na actualidade ?

P. - Segue a funcionar. Para o concello é unha prioridade. Dende outubro de 2011 mobilizou 263 persoas. Das cales 121 se deron de baixa na bolsa de emprego, 7 por cambio de residencia, 1 por estudos, 75 conseguiron un posto de traballo grazas ao concello e asemade 142 participaron en cursos de formación ofertados dende diferentes departamentos do concello. Actualmente hai máis de 300 persoas inscritas neste servizo.

M. - Que medidas ten en mente vostede como alcaldesa, representante do poder público local, para fomentar o emprego?

P. - Ademais da Bolsa Silleda Emprega temos nun segundo lugar o Plan Aurora, traballamos cunha selección de mulleres novas de perfil académico baixo para mellorar a súa formación, asinando tamén convenios con empresas  (Unha peleteira, unha empresa de alimentación e unha residencia da 3ª idade). Rematada a formación fan 10 días de práticas e a empresa comprométese co concello. De feito deste plan saíron 6 mulleres de entre 18 e 40 anos con emprego.

M. - Apoian a Xunta e a Deputación aos concellos na loita contra o desemprego en xeral, e o paro xuvenil en concreto? E o goberno de Mariano Rajoy?

P. - No período 2007 - 2009, antes da moción de censura, controlamos 2 programas experimentais de emprego. O empresariado buscaba xente formada polo programa en colaboración coa Xunta. Obtivemos un 40% de inserción. En 2008 a Xunta pon en marcha xunto co concello un obradoiro de emprego de carpintería, cantería e xardinería que mobiliza a 40 persoas. A xunta financiaba salarios e a obra completa. A Xunta tamén aprobou plans para que o concello contrate traballadores para a entidade. A deputación tamén tiña plans de cooperación onde o persoal xa viña seleccionado. A día de hoxe as administracións non colaboran dado á precaria situación económica. Dicir que o único concello da comarca que non está en mans do PP é o único que ten fondos este ano dentro dos Presupostos Xerais do Estado. O Goberno obrigou a facer un plan de axuste para reducir gastos, coa conseguinte subida de taxas, redución de persoal ... para solventar a débeda que o concello de Silleda foi acumulando ata 2007.

M. - Cre vostede que o rural, e en concreto Silleda, ofrece posibilidades á mocidade?

P. - Eu creo que durante anos se promocionou o abandono do rural e realmente agora a xente nova empeza a vislumbrar que o campo ten futuro. Volver de novo ás orixes. Se o rapaz se forma e volve ao rural, que teña posibilidades. Agora no caso de Silleda por exemplo, os novos emprendedores agrarios, é un bo síntoma de que os mozos cren no rural e se agrupan no rural.

M. - No caso de Silleda cíteme se é posible unha debilidade, unha ameaza, unha fortaleza e unha oportunidade.

P. - Debilidade: O urbanismo, levamos moitos anos cun PXOM obsoleto (1981) que impide o crecemento socioeconómico.
Ameaza: O desemprego entre a xente máis nova podo provocar despoboamento.
Fortaleza: Recursos naturais e arquitectónicos que poden axudar a dinamizar a nosa economía.
Oportunidade: A oportunidade que nos queda é a creación de empresas. O desenrolo dun centro empresarial que conecte Silleda con Galicia, a través da nosa privilexiada situación.

M. - De cara ao futuro a medio e longo prazo, mellorará a situación ou embarcarémonos nunha espiral de pobreza, emigración e desemprego?

P. - Silleda foi durante moito tempo unha potencia a nivel agrario. Cunha boa xestión social e económica todo pode saír arriba. Entendo que calquera economía está chamada a ter ciclos, deste vainos custar saír, hai que fundamentar a economía en novas formas, fuxindo do ladrillo.

M. - Que consello lle dá á xuventude silledense no que a temas laborais se refire?

P. - Neste momento tan difícil hai que buscar alternativas de emprego que non sexan os habituais, por exemplo tirar cara o sector agrogandeiro. De calquera xeito a formación é imprescindible.

M. - Moitas grazas por todo.


Martiño Novo, 1 de xuño de 2012.


No hay comentarios:

Publicar un comentario