martes, 5 de junio de 2012

Entrevista con emprendedores novos no rural (II)



Na segunda das entrevistas trataremos cunha rapaza silledense que con tan só 21 anos dirixe a súa propia empresa dentro do mundo equino.
A súa visión e a anterior entrevista apórtannos unha visión esperanzadora dentro do futuro do rural. Como ben deixan reflexado con ganas, esforzo e moito traballo non hai nada imposible nesta vida, e tampouco para a mocidade dentro do noso campo de traballo.

Martiño.: Como pinta para ti o tema do desemprego xuvenil en áreas rurais como a de Silleda?

Mónica.: Pois o desemprego marcha ben, segue a subir e a gañar puntos, ninguén aposta pola xente nova. Dá igual os estudos, a experiencia … Se te queren é para traballar sen contrato ou cun soldo ínfimo e ridículo e porque a maioría dos empresarios saben que non ten vas queixar.

M.: Como te decidiches a montar unha empresa en Silleda? En que consiste?

.: A iniciativa foi máis ben do meu irmán maior, xa que el tivo a idea. Plantexouma e a decisión foi sinxela, se hai que traballar e pode ser en algo no que che guste pois moito mellor. Na empresa realizamos actividades diversas relacionadas co mundo do cabalo. Damos clases de equitación para todas as idades, preparamos cabalos para concursos en toda España (Galicia, Estremadura …), temos pupilaxe, desbrave de poldros…

M.: Cando empezaches co proxecto empresarial?

Mó.: A empresa botou a andar en novembro de 2011, cando eu rematei os meus estudos.

M.:Cales son as perspectivas de futuro ?

Mó.: Acabando de comezar non nos podemos queixar, hai que ser ambiciosos e mellorar día a día. De momento a empresa marcha ben. As perspectivas de futuro son relativas, ten algún negocio futuro agora? De seguirmos así vese difícil. Pero somos positivos e cremos que a crise arreciará e irá mellorando e albisco con optimismo un bo futuro.

M.: Cres que o rural galego, e en concreto o silledense, ten futuro?

Mó.: Hai diversos sectores que cambiar, pero con traballo e constancia creo que todo mellorará, é necesario abrir os ollos e loitar polo noso, non podemos deixar que por culpa de catro especuladores se veña todo abaixo.

M.: Ves o teu futuro no rural de Silleda?

Mó.: Espero que si, polo menos é o que me gustaría, encántame o que fago. Sería unha marabilla seguir nisto, pero hai moito que traballar para que un próspero futuro non sexa só unha ilusión, senón que sexa toda unha realidade.

M.: Aporta o teu consello para aquel lector mozo que estea a ler a túa entrevista.

Mó.: O importante é que fagan o que fagan se esforcen. Non deixarse enganar, que por ser novos non temos que estar asoballados e sometidos a soldos e postos de traballo miserables. É preciso que nos dean oportunidades para demostrar que nós valemos e somos capaces e eficaces de levantar a sociedade.
 
Martiño Novo: Moitísimas Grazas.

Silleda, 2 de xuño de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario