lunes, 19 de marzo de 2012

Entrevista a unha moza silledense

Polígono Área 33 de Silleda

Entrevista a unha moza de 21 anos de Silleda. A situación do mercado laboral.

1.     Cóntanos Daiana, con que formación contas?
Son técnica superior en actividades comerciais.

2.     Dende que remataches a túa actividade formativa cantos traballos tiveches?
Ata o momento só estivera un mes de camareira.

3.     Canto tempo estiveches en total desempregada?
Estiven en paro durante un ano e 6 meses.

4.     Agora mesmo, atópaste en paro ou traballas?
Teño traballo, pero estáseme a rematar

5.     Como atopaches o emprego que tes actualmente?
Durante as eleccións municipais o partido político maioritario que goberna actualmente o concello de Silleda (PSdeG en coalición con BNG) comprometeuse a crear unha oficina onde os desempregados silledenses depositasen o seu currículum. Deste xeito as empresas con sede en Silleda puidesen contar con esta xente para traballar. Entreguei o meu currículum logo de pasar as eleccións, un par de meses despois chamáronme dunha empresa para facerme unha entrevista, e comecei a traballar nela.

6.     Que tipo de contrato de traballo firmaches?
Firmei un contrato por obra e servizo, é dicir, cando remate o pedido no que me empregaron botaranme á rúa. Levo traballando uns 6 meses.

7.     Que soldo tes agora?
O soldo basease na produción que fagamos, non teño un soldo base pois. Todo depende dos pedidos, canto máis pedido, máis produción e máis soldo.

8.     Véndote de novo no paro, que perspectivas de futuro tes?
Pois seguir buscando traballo durante un tempo determinado, aprox. 3 ou 4 meses e se non aparece nada abandonar o país e saír a buscar sorte. Non creo que a cousa mellore en 3 ou 4 meses, así que me vexo fóra de España.

9.     En caso de emigrares, a que país te irás, e porque?
Viaxarei a Suíza probar sorte. No país helvético ten pinta de estar mellor a economía, non vexo tanta explotación laboral coma en España e os salarios, non hai comparación posible.

10. Cres que a situación de Silleda é peor que noutros lugares ou mellor?
Penso que a situación é igual ca en todos os concellos. Traballo hai, pero non hai cartos e moita xente tampouco quere traballar.

11. Onde consideras ti que as condicións laborais e a situación económica son mellores, nun concello rural ou nun urbano?
No rural. No rural sempre hai traballo para todo o mundo. No rural pódeste dedicar o que queiras, nunca hai falta de traballo; en cambio no urbano traballo tamén hai bastante, pero tes moita mais dificultade para conseguir o que realmente che apeteza ou o que é mellor. Hai persoas con máis estudos, mellor preparadas, e sempre piden persoal con experiencia.

12. Que traballo che gustaría realizar se o teu  futuro laboral radicara no concello de Silleda?
Por suposto do que eu estudei. Comercial estaría ben, aínda que non descartaría de montar o meu propio negocio. Pero só o tempo dirá se iso pode ser posible.

Moitas grazas Daiana. Silleda, Marzo de 2012.


Martiño Novo

2 comentarios:

  1. Polo que podo ollar a situación é bastante similar á que sufro eu nestes momentos, o paro asoma trala volta da esquina e non se observan perspectivas de cambio. Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. E non vai ser, o futuro dos nosos mozos, entre os que me incluo, preséntase bastante negro, pero ben se poden explotar miles de sectores para invertir esta tendencia.

    ResponderEliminar