viernes, 13 de abril de 2012

Volve o sector primario a crear emprego?

Paisaxe rural de Silleda
Diferentes medios e economistas sosteñen que a pesar da crise na que vivimos, o sector agrario e agroindustrial segue a crear emprego. Estes empregos son agora ocupados por persoas do sector servizos e construción; sectores que lideran a destrucción de emprego no noso país.
O aumento das exportacións en materia agraria tamén contribúe a elevar as perspectivas.
Está a quedar patente que o sector primario despega actualmente e é capaz de xerar emprego estable.
É esta idea unha posibilidade de que os xóvenes volvan a explotar as terras que colonizaron os seus pais e avós? De que se desenrolen agroindustrias en áreas rurais?
No caso de Silleda contamos con A Rosaleira, unha conserveira galega de produtos vexetais con sede principal en O Rosal.
Unha inversión que pode permitir que a mocidade poida volver ao lugar onde naceu e quere seguir a vivir.
Para reforzar esta convicción, son numerosos os casos que recollo de xente nova que vaga por áreas rurais na procura dun posto de traballo no sector primario.
Pode estar no sector primario unha das chaves para desafiar á crise?

* Artigo de prensa relacionado

Martiño Novo

martes, 3 de abril de 2012

OFICIOS EN EXTINCIÓN


A situación de desemprego actual é ben coñecida por todos, pero qué pasou con todos eses oficios tradicionais que rexeitamos? Foi un erro haber deixado á marxe a aprendizaxe dos oficios rurais que tantos anos lle dou de comer á nosa proxenie? 


Redeiras de Corme (Ponteceso).


 A maioría dos nosos compañeiros de instituto que abandonaron a ensinanza media dedicáronse aos empregos  en auxe da época, especialmente á construcción. Parecía ser un negocio redondo, contrato de aprendiz e mil euros "para á saca" cada mes. Eu, con 16 anos traballaba como camareira "por catro pesos"  ao tempo que estudaba; a regañadentes víaos con motos, cartiños frescos na carteira, coches de alta gama que ata entón só vía pasearse neles aos cuarentóns...Eran os "novos ricos". Todo o que tiña tintes urbanitas era máis tentador que todo o que atesourabamos no rural, inclusive os traballos. O que viñan sendo traballos artesáns de moitas xeneracións supoñen agora unha recreación artística e etnográfica de aqueles singulares esforzos. Por qué non foron nin son atractivos estes traballos para a xuventude? Estes oficios  tradicionais vénse como vestixios do pasado e enfocámolos máis turismo que a un posto de traballo?


Canteiros de Poio, oleiros de Buño, ferreiros de Riotorto, palilleiras de Camariñas, fiandeiras de Zas, panadeiros de Cea, afiadores de Luintra, carboeiros de Castrelo do Val, arrieiros de Maside, campaneiros de Caldas, telleiros de O Rosal, seitureiras de Calvos, percebeiros de Corme,  guarnicioneiros de Maceda, tecedoras de Parada, alabardeiros de Melide, Redeiras de todos os portos…
Moitos destes oficios son vitais para o desenvolvemento das actividades rurais, por exemplo, sen as redeiras , que fan do seu traballo unha arte, sería imposible levar a cabo ás tarefas da pesca.  Parémonos a pensar en positivo, se a mocidade estivera interesada en aprender oficios tradicionais... Existen uns estudos ou un título que permita o acceso legal a estas profesións? A resposta na meirande parte dos casos é non. Sería oportuno aproveitar estes tempos de crise e altas taxas de paro para fomentar estes oficios? Sería un novo xacemento de emprego? 

En Ponteceso,os obradoiros de emprego  que se ofertan por parte do concello  soen ter fins sociais tales como a restauración de bens públicos, xardinería, etc. Os participantes non soen colocarse nestes empregos, cando o obradoiro remata volven a atoparse na situación que tiñan a priori, eso sí, cunha experiencia productiva ás costas. Teñen sentido estes obradoiros remunerados? Sería proveitoso usar estes fondos para a creación de escolas/obradoiros de oficios tradicionais? Tal e como está o mercado laboral, traballarías de oleiro/a, canteiro/a, redeir0/a, etc?  


A traba máis grande destes oficios en extinción é que as xeneracións máis novas non recollen o testigo. Estes oficios fóronse transmitindo de pais a fillos, necesitan dun recoñecemento profesional para a súa conservación e pervivencia. Se a xente nova tomara o relevo...fixarían poboación en Ponteceso? Por ende, axudaría a frear o despoboamento rural? 

O que está claro é que Ponteceso, Galicia é un pobo de tradicións que busca proxectarse no futuro, pero sen esquecerse das ensinanzas do pasado. Merécese dignificar estas profesións, que son, os oficios de moitas xentes que configuran a nosa paisaxe e que son moito máis que unha romántica postal para o turista.


Tania A.C.

O rural, a vía difícil.

Moza silledense adestrando cabalos
As posibilidades dunha zona rural hai quen di que son limitadas. Hai quen olla o rural como unha área deprimida economicamente. Outros xa nin sequera o ven, viven de espaldas ao campo.
Pero é verdade que o rural galego non está a pasar polo seu mellor momento, é verdade que falamos de despoboación; de que os mozos voan do rural á cidade en busca de oportunidades "mellores".
No rural, perdoen que llo diga,  hai oportunidades, e que lle corten a fala a quen o nega, pois está a mentir. O caso e que a maioría da mocidade non ten o valor suficiente para traballar a terra, non se quere dignar a loitar co gando, non ten a forza necesaria para montar unha empresa alternativa. As oportunidades do rural hai que explotalas, traballalas e construílas. Está moi ben emigrar á cidade e ter todo á man e vivir cómodo traballando 8 horas diarias. Pero iso señores non é a óptima forma de vida. A mellor calidade de vida ofrécea o contexto, non as persoas que viven nel. O problema desta sociedade é o gran desprestixio que existe de cara o rural, como se o campo non tivese nada que ofrecernos, non nos puidese dar de comer, ou como se vivir en áreas rurais estivese mal visto. Se pasa isto preguntémonos o porque desta situación. Están os organismos públicos a favor de baleirar as nosas aldeas de mocidade para aforrar en servizos? Existe un complot?
Non fai falta ir moi lonxe para ver que as áreas rurais teñen a capacidade e os medios adecuados para afrontar a crise actual, ou senón porque se está a producir un retorno de mocidade ao campo?
Podo dar fe de que este movemento é real. Pode ser logo que as autoridades competentes e a sociedade nos eduquen para optar pola vía fácil e deixemos de lado o medio rural? Opinade.

Martiño Novo

miércoles, 21 de marzo de 2012

O turismo, saída viable ao desemprego xuvenil?

Fervenza en Graba (Silleda)
E que pasaría se en vez de investir en desenrolar un tecido industrial en áreas rurais, que tanto sofren en procesos de crise como o que estamos, nos centráramos en crear unha zona de relevante interese turístico ?

Hoxe en día vemos como as industrias teñen que pasar por épocas de desaxustes na produción, despidos, peches... Sen embargo, confírmase que o turismo é un dos poucos sectores que están a aguantar mellor a crise. E que tal se apostamos por proxectar unha visión turística dunha área rural como é a comarca do Deza, que recursos deste calibre ten de sobra, e nos deixamos de financiar empresas que teñen dubidoso futuro?

As Fervenzas do Toxa, o mosteiro de Carboeiro, a ruta do Románico, a ruta da Auga, as diferentes festas gastronómicas (Empanada, tortilla, lacón...), as fervenzas de Ponte, Férveda e Graba... Observamos que o concello conta con unha calidade e cantidade de recursos turísticos enviadiable e viable.

E que tal se competimos por desenrolar e crear un destino turístico que emprege aos nosos xoves, suficientemente formados e que se adaptan con rapidez aos novos nichos do mercado laboral?
Non sería unha gran idea apostar polo turismo como arma de combate do paro xuvenil silledense?

Web de Turismo no concello de Silleda

Martiño Novo.

lunes, 19 de marzo de 2012

Ponteceso

O paro xuvenil é un mal global. No mundo hai 75 millóns de xóvenes desempregados. A cifra aumentou en 4 millóns desde o 2007. A paisaxe é máis desoladora en España, a taxa de paro dos menores de 25 anos é do 48,56% unha cifra que dobla a media europea, que os últimos datos do Eurostat sitúan nun 22,3%, tamén moi por riba da mundial. 


Concello costeiro: Ponteceso.Poboación.
Segundo o INE, na súa revisión do Padrón municipal do 2011, a poboación de Ponteceso sumaba 6.134 habitantes, bastante equiparado por sexos (só 8 homes máis ca mulleres). Isto non ocorre se en vez de por sexos segregámola poboación por idades, na que máis da metade dos efectivos teñen máis de 50 anos. O tramo de idade que imos a analizar, abrangue dende os 16 anos aos 30. O total de persoas entre estas idades suman 930, veñen a representar arredor do 15% da poboación total.  Aquí achego a pirámide poboacional :




Segundo o SEPE, en Febreiro do 2012, Ponteceso contaba cun total de 549 persoas en paro, 74 persoas máis ca no mesmo período no 2011. Destas 549 persoas, 315 son menores de 45 anos, se fiamos máis ao miúdo, 289 parados teñen entre 25 e 45 anos.


Aquí achego mediante un enlace externo o gráfico con datos do desemprego en Ponteceso, totais e por sectores (agricultura, construcción, industria, servicios e buscando su primer empleo): http://www.germes.com/cuentas-de-estado/espana/social/12627-datos-paro-2006-2011-del-ayuntamiento-ponteceso-a-coruna.html  

A evolución do paro no concello é a seguinte:


O desemprego é unha constante en alza, que afecta con máis forza á poboación nova. ¿A qué é debido isto? ¿Son danos colaterais do emprego masivo de xente nova na construcción antes da crise? ¿Qué relación ten coa formación? Indagaremos nestas e outras cuestións nas próximas entradas.






Tania A.C

Entrevista a unha moza silledense

Polígono Área 33 de Silleda

Entrevista a unha moza de 21 anos de Silleda. A situación do mercado laboral.

1.     Cóntanos Daiana, con que formación contas?
Son técnica superior en actividades comerciais.

2.     Dende que remataches a túa actividade formativa cantos traballos tiveches?
Ata o momento só estivera un mes de camareira.

3.     Canto tempo estiveches en total desempregada?
Estiven en paro durante un ano e 6 meses.

4.     Agora mesmo, atópaste en paro ou traballas?
Teño traballo, pero estáseme a rematar

5.     Como atopaches o emprego que tes actualmente?
Durante as eleccións municipais o partido político maioritario que goberna actualmente o concello de Silleda (PSdeG en coalición con BNG) comprometeuse a crear unha oficina onde os desempregados silledenses depositasen o seu currículum. Deste xeito as empresas con sede en Silleda puidesen contar con esta xente para traballar. Entreguei o meu currículum logo de pasar as eleccións, un par de meses despois chamáronme dunha empresa para facerme unha entrevista, e comecei a traballar nela.

6.     Que tipo de contrato de traballo firmaches?
Firmei un contrato por obra e servizo, é dicir, cando remate o pedido no que me empregaron botaranme á rúa. Levo traballando uns 6 meses.

7.     Que soldo tes agora?
O soldo basease na produción que fagamos, non teño un soldo base pois. Todo depende dos pedidos, canto máis pedido, máis produción e máis soldo.

8.     Véndote de novo no paro, que perspectivas de futuro tes?
Pois seguir buscando traballo durante un tempo determinado, aprox. 3 ou 4 meses e se non aparece nada abandonar o país e saír a buscar sorte. Non creo que a cousa mellore en 3 ou 4 meses, así que me vexo fóra de España.

9.     En caso de emigrares, a que país te irás, e porque?
Viaxarei a Suíza probar sorte. No país helvético ten pinta de estar mellor a economía, non vexo tanta explotación laboral coma en España e os salarios, non hai comparación posible.

10. Cres que a situación de Silleda é peor que noutros lugares ou mellor?
Penso que a situación é igual ca en todos os concellos. Traballo hai, pero non hai cartos e moita xente tampouco quere traballar.

11. Onde consideras ti que as condicións laborais e a situación económica son mellores, nun concello rural ou nun urbano?
No rural. No rural sempre hai traballo para todo o mundo. No rural pódeste dedicar o que queiras, nunca hai falta de traballo; en cambio no urbano traballo tamén hai bastante, pero tes moita mais dificultade para conseguir o que realmente che apeteza ou o que é mellor. Hai persoas con máis estudos, mellor preparadas, e sempre piden persoal con experiencia.

12. Que traballo che gustaría realizar se o teu  futuro laboral radicara no concello de Silleda?
Por suposto do que eu estudei. Comercial estaría ben, aínda que non descartaría de montar o meu propio negocio. Pero só o tempo dirá se iso pode ser posible.

Moitas grazas Daiana. Silleda, Marzo de 2012.


Martiño Novo

domingo, 18 de marzo de 2012

O Desemprego xuvenil nun concello rural do interior (Silleda)

Casco urbano de Silleda
Cando nos referimos a datos de paro xuvenil, nun concello do interior rural galego como Silleda, hai que dicir que no contexto no que nos enmarcamos, falamos de incremento mes a mes das cifras de mozos parados.
En Xaneiro de 2012 dun total de 678 parados no concello, 73 eran menores de 25 anos. Un porcentaxe de algo máis do 10%. Sen embargo esta porcentaxe elévaríase ata cifras do 67% en menores de 44 anos.
En Febreiro de 2012 dun total de 717 parados no concello ( Un incremento de 39 persoas en relación ao mes anterior ), 74 eran menores de 25 anos. Se falamos de menores de 44 anos os parados serían o 68% do total.
En ámbolos 2 casos, o paro afecta máis aos homes que ás mulleres.


Martiño Novo