Mostrando entradas con la etiqueta xuvenil. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xuvenil. Mostrar todas las entradas

martes, 5 de junio de 2012

Entrevista con emprendedores novos no rural (II)



Na segunda das entrevistas trataremos cunha rapaza silledense que con tan só 21 anos dirixe a súa propia empresa dentro do mundo equino.
A súa visión e a anterior entrevista apórtannos unha visión esperanzadora dentro do futuro do rural. Como ben deixan reflexado con ganas, esforzo e moito traballo non hai nada imposible nesta vida, e tampouco para a mocidade dentro do noso campo de traballo.

Martiño.: Como pinta para ti o tema do desemprego xuvenil en áreas rurais como a de Silleda?

Mónica.: Pois o desemprego marcha ben, segue a subir e a gañar puntos, ninguén aposta pola xente nova. Dá igual os estudos, a experiencia … Se te queren é para traballar sen contrato ou cun soldo ínfimo e ridículo e porque a maioría dos empresarios saben que non ten vas queixar.

M.: Como te decidiches a montar unha empresa en Silleda? En que consiste?

Mó.: A iniciativa foi máis ben do meu irmán maior, xa que el tivo a idea. Plantexouma e a decisión foi sinxela, se hai que traballar e pode ser en algo no que che guste pois moito mellor. Na empresa realizamos actividades diversas relacionadas co mundo do cabalo. Damos clases de equitación para todas as idades, preparamos cabalos para concursos en toda España (Galicia, Estremadura …), temos pupilaxe, desbrave de poldros…

M.: Cando empezaches co proxecto empresarial?

Mó.: A empresa botou a andar en novembro de 2011, cando eu rematei os meus estudos.

M.:Cales son as perspectivas de futuro ?

Mó.: Acabando de comezar non nos podemos queixar, hai que ser ambiciosos e mellorar día a día. De momento a empresa marcha ben. As perspectivas de futuro son relativas, ten algún negocio futuro agora? De seguirmos así vese difícil. Pero somos positivos e cremos que a crise arreciará e irá mellorando e albisco con optimismo un bo futuro.

M.: Cres que o rural galego, e en concreto o silledense, ten futuro?

Mó.: Hai diversos sectores que cambiar, pero con traballo e constancia creo que todo mellorará, é necesario abrir os ollos e loitar polo noso, non podemos deixar que por culpa de catro especuladores se veña todo abaixo.

M.: Ves o teu futuro no rural de Silleda?

Mó.: Espero que si, polo menos é o que me gustaría, encántame o que fago. Sería unha marabilla seguir nisto, pero hai moito que traballar para que un próspero futuro non sexa só unha ilusión, senón que sexa toda unha realidade.

M.: Aporta o teu consello para aquel lector mozo que estea a ler a túa entrevista.

Mó.: O importante é que fagan o que fagan se esforcen. Non deixarse enganar, que por ser novos non temos que estar asoballados e sometidos a soldos e postos de traballo miserables. É preciso que nos dean oportunidades para demostrar que nós valemos e somos capaces e eficaces de levantar a sociedade.
 
Martiño Novo: Moitísimas Grazas.

Silleda, 2 de xuño de 2012.

Entrevista con emprendedores novos no rural (I)



Logo de saber que opinan as autoridades sobre o desemprego xuvenil no rural e falar tamén con unha traballadora xove pasaremos a observar que opinan os emprendedores xuvenís do ámbito non urbano.
Falaremos con un emprendedor do sector da hostalaría e cunha rapaza con iniciativa no mundo equino, dicir que ningún dos dous supera os 22 anos.

En primeiro lugar, Óscar, que levou a cabo xunto cun socio un proxecto dentro do ámbito hostaleiro.

Martiño : Como observas a situación actual en canto a desemprego xuvenil no rural se refire?

Óscar: Cada vez séntese máis, a xente xa case non sae das súas casas. Observo que a xuventude tampouco fai demasiado por traballar (a maioría), hai aínda algúns nichos laborais no rural que se pode cubrir con man de obra xuvenil.

M.: Cres que a situación en canto ó desemprego é mellor ou peor dentro da comarca que ou contexto galego?

O.: Opino que en xeral a crise en Galicia chegou máis tarde e tampouco somos un país rico, aínda así somos conscientes de que agora se está a notar de verdade en todo o territorio. Tampouco sería raro que tardásemos máis tempo en saír da recesión.

Martiño.: Cóntanos, como emprendedor que es, a modo de resume o teu proxecto.

O.: Comecei traballando de Dj nun local de copas ata que o antigo dono decidiu traspasalo. Coa axuda dun socio e investindo os cartos que gañara traballando de camareiro e coa beca de estudos, afortunadamente todo saíu a pedir de boca.
Tras ver que funcionaba ben o primeiro proxecto, decidimos abrir nunha zona rural como é Santa Comba. A idea principal é seguirmos avanzando, montamos unha brigada de camareiros, unha empresa adicada á organización de vodas. Agora mesmo queremos dar o salto a un gastro-bar con coctalaría.

M.: En que ano te embarcaches nesta aventura empresarial? 

O.: En plena auxe da crise, no ano 2010.

M.: Cantos empregados xeran as vosas empresas?

O.: En total son 32 empregos directos e de forma indirecta ata 40 persoas.

M.: Cres que o rural galego ten futuro?

O.: Creo que o rural ten posibilidades, por unha banda, pode haber moito futuro, é onde menos aperta a crise. Indiferentemente no ámbito rural sempre hai traballo, pero para o meu parecer hai moi pouca xente con ganas de poñer isto en valor. Aparte, un piar básico como é o sector primario está violentamente sometido a continuos atropelos das industrias.

M.: Tes pensado seguir coa túa actividade en zonas rurais ou aspiras a medrar fóra deste ámbito?

O.: Gústame o rural e as vilas pequenas, a xente destas áreas  sempre responde moi ben. A diferenza radica en que nas zonas urbanas hai unha competencia feroz e non sabes se vas ter bo recibimento.

M.: Dáme un consello para a xuventude no que a mercado laboral se refire?

O.: O traballo moitas veces non debe ir por gusto, senón por necesidade de medrar como persoa. O capital ao mesmo tempo non debe ser derrochado, é preciso aforrar e investir en boas aspiracións.


Martiño: Moitísimas grazas. 

Silleda, 3 de xuño de 2012

miércoles, 21 de marzo de 2012

O turismo, saída viable ao desemprego xuvenil?

Fervenza en Graba (Silleda)
E que pasaría se en vez de investir en desenrolar un tecido industrial en áreas rurais, que tanto sofren en procesos de crise como o que estamos, nos centráramos en crear unha zona de relevante interese turístico ?

Hoxe en día vemos como as industrias teñen que pasar por épocas de desaxustes na produción, despidos, peches... Sen embargo, confírmase que o turismo é un dos poucos sectores que están a aguantar mellor a crise. E que tal se apostamos por proxectar unha visión turística dunha área rural como é a comarca do Deza, que recursos deste calibre ten de sobra, e nos deixamos de financiar empresas que teñen dubidoso futuro?

As Fervenzas do Toxa, o mosteiro de Carboeiro, a ruta do Románico, a ruta da Auga, as diferentes festas gastronómicas (Empanada, tortilla, lacón...), as fervenzas de Ponte, Férveda e Graba... Observamos que o concello conta con unha calidade e cantidade de recursos turísticos enviadiable e viable.

E que tal se competimos por desenrolar e crear un destino turístico que emprege aos nosos xoves, suficientemente formados e que se adaptan con rapidez aos novos nichos do mercado laboral?
Non sería unha gran idea apostar polo turismo como arma de combate do paro xuvenil silledense?

Web de Turismo no concello de Silleda

Martiño Novo.

domingo, 18 de marzo de 2012

O Desemprego xuvenil nun concello rural do interior (Silleda)

Casco urbano de Silleda
Cando nos referimos a datos de paro xuvenil, nun concello do interior rural galego como Silleda, hai que dicir que no contexto no que nos enmarcamos, falamos de incremento mes a mes das cifras de mozos parados.
En Xaneiro de 2012 dun total de 678 parados no concello, 73 eran menores de 25 anos. Un porcentaxe de algo máis do 10%. Sen embargo esta porcentaxe elévaríase ata cifras do 67% en menores de 44 anos.
En Febreiro de 2012 dun total de 717 parados no concello ( Un incremento de 39 persoas en relación ao mes anterior ), 74 eran menores de 25 anos. Se falamos de menores de 44 anos os parados serían o 68% do total.
En ámbolos 2 casos, o paro afecta máis aos homes que ás mulleres.


Martiño Novo

miércoles, 14 de marzo de 2012

Desemprego xuvenil, como atallalo?

Desemprego total e xuvenil en diversos países do Mundo

O desemprego xuvenil está a ser un dos problemas que mellor palpamos dentro da sociedade española. Segundo a Enquisa de Poboación Activa correspondente ao cuarto trimestre de 2011, a cifra de desempregados no país é de 5.273.600, cunha taxa de desemprego do 22,85% (Fonte da EPA Enquisa de Poboación Activa do INE). Desde 2009 España ten a máxima taxa de desemprego do primeiro mundo. Mentres, para o mesmo período, a taxa de desemprego xuvenil en España é do 48,61%.
Como se pode observar practicamente a metade da poboación xuvenil en España está parada.
Dende o novo blogue "Desemprego xuvenil no rural de Galicia" queremos tratar a fondo como afecta este problema dentro do noso ámbito.
E a que nos referimos cando falamos do noso ámbito? Pois queremos reflexar como afecta o paro aos xoves de dous concellos (Un costeiro e outro de interior), Ponteceso (6.134 habitantes) e Silleda (9.199 habitantes).
O noso método recollerá datos de empresas, enquisas, artigos de xornais, entrevistas a compañías e a parados. Así mesmo mostraremos como loitan os concellos contra o paro xuvenil e como se intenta atallar.